A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) presentou esta mañá no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o programa da súa III Xornada Técnica Monográfica sobre o Porco Celta en Galicia.

No acto interviñeron José Barreira Alonso (presidente de Asoporcel), Mª Isabel Rodríguez López (subdelegada do Goberno en Lugo), Miguel Fernández Méndez (concelleiro de Medio Rural e Deportes do Concello de Lugo), Pilar García Porto (deputada provincial da área de Turismo e Cultura) e Marta Barreiro Castro (secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo).

Para Barreira, esta xornada é un xeito máis de contribuír á formación e profesionalización dos gandeiros e membros da asociación. “Queremos ofrecerlles aos nosos socios ferramentas para poder afrontar as explotacións de Porco Celta como pequenas empresas sostibles e rendibles”.

Neste sentido, o presidente de Asoporcel recordou que a do Porco Celta segue a ser unha raza en perigo de extinción e subliñou que contribúe de xeito notable ao “enriquecemento do sistema económico dos pobos, así como ao medio ambiente, mantendo limpos os nosos montes e conservando a paisaxe galega”.

Para rematar a súa quenda, José Barreira sinalou a variedade e actualidade dos temas que centrarán este ano as charlas e expresou o seu desexo de que esta terceira edición das xornadas sexa de aproveitamento para todos os asistentes.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na provincia afirmou que a celebración deste encontro é o reflexo da “vitalidade da asociación organizadora, que traballa para garantir o futuro desta raza autóctona de Galicia”. Deste xeito, Isabel Rodríguez cualificou de “moi meritorio” o traballo desenvolvido por Asoporcel para mellorar a explotación e a promoción da raza, a nivel tanto ecolóxico como económico, e destacou o papel do seu logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta, que garante o valor dos produtos derivados destes animais. “Sabemos que aínda queda moito traballo por percorrer, pero ides na boa dirección e agardo que a xornada técnica deste sábado sexa un éxito”, engadiu.

Así mesmo, o representante do Concello de Lugo comezou a súa intervención felicitando á asociación pola labor e os logros obtidos nos seus 20 anos de traballo. “Estanse facendo moitas cousas, e estanse facendo ben, por iso eu creo que hai que ser optimistas e valorar o traballo que se fai dende as asociacións”, afirmou Miguel Fernández. “Dende o Concello de Lugo temos o convencemento de que o futuro do municipio, e do resto da provincia, pasa necesariamente polo desenvolvemento socioeconómico do sector agroforestal”, dixo Fernández, quen na mesma liña expresou a utilidade deste tipo de encontros para contribuír á profesionalización do rural.

A deputada provincial Pilar García Porto sinalou o compromiso que mantén a Deputación con Asoporcel “porque cremos que a súa labor é fundamental para o desenvolvemento do noso medio rural”. “O sector primario na nosa economía é básico e estamos comprometidos coa súa potenciación”, manifestou.

Así mesmo, García apuntou cara á necesidade de garantir unha remuneración económica xusta para os traballadores deste sector, algo que se consegue “a través da presentación de produtos de calidade e grazas a proxectos como os que leva a cabo Asoporcel mediante os seus criadores, que están poñendo no mercado produtos de primeiro nivel”.

Na súa quenda, Marta Barreiro uniuse ao resto de autoridades presentes ao destacar o labor que se desenvolve dende a asociación e sinalou cara á necesidade de traballar de xeito conxunto para outorgarlle a esta raza “o lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural de Galicia e poder legárllelo a xeracións futuras”, dixo a secretaria territorial da Xunta en Lugo.

“Estas pequenas empresas fomentan a limpeza dos montes e, o que é máis importante, a fixación de poboación no rural”, afirmou Barreiro, quen tamén animou a Asoporcel a continuar desenvolvendo este tipo de actividades de promoción e fomento do Porco Celta que son “tan necesarias para a supervivencia da raza”, rematou Barreiro.

A III Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia terá lugar este sábado 23 de novembro dende as 11.00 horas no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A inscrición para poder asistir realizarase no teléfono 982 22 62 52 antes do xoves 21 ás 14:00 horas.