A candidatura presentada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) foi a escollida nesta edición como merecedora do galardón pola posta en valor desta raza autóctona galega e dos seus produtos.

Logo de reunirse para avaliar as 13 candidaturas desta edición, o xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo Álvarez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, anunciou que Asoporcel era a entidade galardoada nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense este mediodía.

Este premio é de todos os que traballamos día a día na recuperación do Porco celta”, subliñaron dende a directiva de Asoporcel. Así mesmo, quixeron dar as grazas a todas aquelas persoas que co seu labor fixeron posible este recoñecemento e engadiron que supoñía un excelente agasallo no 20.º aniversario da asociación. “Ao igual que o Premio Aresa, nós tamén cumprimos este ano os 20 anos, e que mellor forma de celebralo que con este incentivo?”, destacaron.

Durante a rolda de prensa, o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, anunciou que a gala de entrega do premio será o 28 de febreiro de 2020 na facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.