CARACTERÍSTICAS MORFOLÓXICAS

A raza Porcina Celta agrupa animais de tamaño grande, que se caracterizan pola súa gran rusticidade, cun sistema óseo e muscular moi desenvolvido. Perfectamente adaptados ao medio no que se desenvolven, pastoreando e alimentándose de recursos naturais estacionais como landras, castañas e brotes vexetais dos extensos e ricos bosques autóctonos galegos. Son por iso animais moi aptos para a súa explotación en réxime extensivo.
As súas características morfológicas son:
CABEZA: de tamaño grande, ancha e alongada, frontais anchos e planos, formando unha aresta aguda na liña da caluga. Os ósos nasais son longos e forman un ángulo obtuso coa fronte. O cranio dá forma a unha cabeza moi voluminosa terminada cun morro ancho e groso. Con orellas grandes e caídas, que cobren os pequenos ollos.
PESCOZO: Longo e estreito, pero forte.
DORSO E LOMBOS: Estreitos, longos e arqueados. A liña dorsolumbar debuxa desde a cruz un arco que se fai máis prominente na unión de lombos e grupa.
GRUPA: Caída, con desenvolvemento muscular medio. O rabo é groso e longo, provisto na súa extremidade dunha borla de porcas, e retórcese de maneira típica cando o animal está nervioso, sendo a súa postura habitual a estirada.
COSTELAR E VENTRE: costelares deprimidos, ventre recolleito e tronco prolongado (posto que contan con seis vértebras lumbares) o que conduce ao característico contoneo da raza durante a marcha. As femias posúen de doce a dezaoito mamas, de implantación ampla e regularmente espaciadas. Son moi prolíficas, parindo xeralmente de dez a catorce leitóns.
EXTREMIDADES: longas, con masas musculares desenvolvidas, con articulacións limpas e definidas. Caracterízase por ter un terzo anterior máis forte que o posterior, que é escaso, co xamón en forma de violín.
COR E PELO: Hai que diferenciar tres ecotipos dentro da mesma raza, de similar morfotipo e de distinta capa, que xa Rof Codina comentaba nos seus escritos:
No Norte de Galicia, pola zona de Bergantiños, predomina o ecotipo Carballino, que así o denominou Rof Codina por establecerse nos arredores da comarca de Carballo. Caracterízase por manchas negras brillantes ou avermelladas, que, en ocasións, chegan a cubrir case todo o corpo.
Cara ao sur de Galicia esténdese o ecotipo Santiagués de capa branca e o ecotipo Barcino con manchas pizarrosas contra o seu terzo posterior.
No tres variedades a pel está cuberta de abundantes porcas, longas e fortes, que son máis abundantes na variedade Carballina.