Asoporcel recibe o Premio Galicia Alimentación 2021 na categoría de mellor proxecto empresarial

  • Asoporcel convértese así na primeira asociación de gandeiros en recibir este recoñecemento outorgado polo Clúster de Alimentación de Galicia.

Lugo, 30 de xuño de 2021. A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) recolleu este mediodía, no marco do Foro & Premios Galicia Alimentación organizado polo Clúster de Alimentación de Galicia (Clusaga) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o premio ao mellor proxecto empresarial.

Trátase da sétima edición destes galardóns, nos que Asoporcel marca un punto de inflexión ao converterse na primeira asociación de gandeiros en ver recoñecido o seu labor. En anos anteriores foron premiadas na mema categoría empresas como a cooperativa CLUN, Candelas, a Aula de Produtos Lácteos da USC ou a Casa Grande de Xanceda.

No acto de entrega, o presidente de Asoporcel, José Barreira, estendeu o seu agradecemento a todas as persoas que apoian a diario o traballo da asociación e fixo fincapé no esforzo que deberon facer para reinventarse nos últimos meses por mor da pandemia: “Enganchámonos ás iniciativas de venta online, fixémonos un oco nas pequenas tendas de barrio e mesmo conquistamos un espazo nas grandes superficies, da man da rede Mercaproximidade da Consellería do Medio Rural”, enumerou.

Así mesmo, sinalou que a primeira encomenda da asociación segue a ser a da recuperación e conservación do Porco Celta, ao tempo que se contribúe á revalorización do rural e da gandería tradicional. Este recoñecemento supón “un empuxón para seguir adiante nesta dirección, apostando polo emprendemento de novos proxectos e apuntando cara a metas máis altas, nas que agardamos seguir camiñando acompañados, e tamén acompañando, para que o sector agroalimentario avance recio”, afirmou Barreira.

A cerimonia estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e tamén contou coa presencia doutras autoridades como os conselleiros do Medio Rural, José González; de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e do Mar, Rosa Quintana.