O Porco Celta reforza a súa presenza na Semana Verde cunha ampla proposta de actividades
Exhibición de animais, concursos morfolóxicos e de manexo, postos informativos e de venda produtos, participación no TapiRazas, photocalls temáticos, sorteo de produtos… Asoporcel fai unha forte aposta pola promoción da raza na Semana Verde 2022.
Lugo, 30 de maio de 2022. Un ano máis, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) estará presente na Semana Verde de Galicia. Dende este xoves e ata a última hora da tarde do domingo os asistentes poderán degustar os derivados da raza no Salimat e coñecer todas a características do Porco Celta a través dos animais presentes na feira e solicitando información nos stands que haberá nos dous pavillóns.
VOLVEN OS CONCURSOS MORFOLÓXICOS E DE MANEXO DE PORCO CELTA
Asoporcel recupera nesta edición os seus concursos morfolóxicos e de manexo da raza, dúas actividades tradicionais da asociación nesta feira. O xoves pola mañá terá lugar o IV Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta, coas categorías de ‘Macho reprodutor’, ‘Femia reprodutora’ e ‘Recría’. Este ano baterase récord de ganderías participantes: xulgaranse 56 animais de 30 ganderías de toda Galicia (6 da Coruña, 16 de Lugo, 4 de Ourense e 4 de Pontevedra). Así mesmo, o domingo ás 18:00 horas celebrarase no ring do pavillón de animais o III Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta, que contará con 6 participantes.
PRESENZA EN SALIMAT
No Salón de Alimentación Atlántico (Salimat) poderanse adquirir elaborados da raza Porco Celta nos stands dos operadores Embutidos Hermelino, Tres Fuciños, Productos Cárnicos Domínguez e CienPorCel, ademais de solicitar información sobre o traballo da asociación no posto informativo que terá Asoporcel.
O Porco Celta tamén formará parte dos menús degustación do TapiRazas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz. O xoves farao por partida dobre: tosta de focaccia con xamón de Porco Celta e crema de queixo San Simón da Costa e ovos rotos de Galiña de Mos con chourizo de Porco Celta. O venres, cun bao de churrasco de Porco Celta con emulsión de chimichurri e por último, o sábado, con croquetas de xamón de Porco Celta.
SORTEO DE 3 LOTES DE PRODUTOS DA RAZA
Como extra, Asoporcel sortea 3 lotes de produtos entre todos aqueles que faga unha foto con algún elemento no que estea presente o Porco Celta na Semana Verde (cos animais, nos photocalls, no Salimat, nos stands dos operadores…) e llela fagan chegar (etiquetándoos en redes ou enviándollelas por mensaxe privada ou por whatsapp ao 982 226 252) antes do domingo 5 de maio ás 18:00 horas.