Asoporcel inaugura en Madrid “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”, unha exposición fotográfica sobre a evolución da raza no último século


  • A través de medio cento de instantáneas, a mostra relata a traxectoria do Porco Celta dende inicios do século XX e recolle, así mesmo, os principais fitos acadados por Asoporcel para a súa recuperación.
  • A exposición estará durante a segunda quincena de febreiro na Casa de Galicia en Madrid, onde tamén se ofrecerá o martes 21 unha degustación de cocido de Porco Celta á que asistirán distintos representantes do sector gastronómico.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) inaugurou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a súa primeira mostra fotográfica. Titulada “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”, nela nárrase a través de medio cento de imaxes a historia recente do Porco Celta, así como tamén a aparición da asociación e os fitos acadados no seu case medio cuarto de século de traballo.

A iniciativa, posta en marcha por Asoporcel en colaboración coa Casa de Galicia en Madrid, busca achegar os consumidores ao labor desempeñado polos gandeiros e gandeiras de Porco Celta, así como tamén facelos coñecedores das características desta raza e das bondades das súas carnes. “Agardamos que os visitantes atopen proveitoso o noso repaso pola evolución da raza no último século e que, ao finalizar a visita, teñan máis interese ca nunca por axudar a preservar este animal e por saborear os seus produtos derivados”, subliñaron os voceiros da asociación durante a inauguración.

Nesta liña, durante a súa intervención, o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez, fixo fincapé no feito de que esta mostra é “unha das iniciativas máis especiais de entre todas as que levamos feito dende a asociación a prol da difusión e promoción da única raza porcina autóctona galega”. Así mesmo o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, destacou o valor de ter presente na capital do país iniciativas coma estas, que poñen en valor o patrimonio galego, ao tempo que expresou o seu desexo de que, tras esta exposición “o Porco Celta chegue a Madrid para quedar”.

A mostra será itinerante e, tras estar exposta na Casa de Galicia do 13 ao 28 de febreiro, estará dispoñible para se exhibir en calquera centro cultural ou educativo, institución ou local que así llo solicite a Asoporcel.

 

DEGUSTACIÓN DE COCIDO DE PORCO CELTA EN MADRID

Como parte das accións de promoción e difusión da raza na capital española, o martes 21 de febreiro a Casa de Galicia acollerá unha degustación de cocido de Porco Celta organizada por Asoporcel e á que estarán convidados hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos e outros representantes do sector da alimentación.

Poñer en voga a calidade dos produtos desta raza e seguir dando a coñecer entre consumidores e restauradores os seus derivados son as razóns que sustentan esta actividade.

 

VOLVE O ANUNCIO ‘SOMOS DE RAZA’

En paralelo á exposición, con motivo do Entroido Asoporcel tamén vén de poñer de novo en circulación na Televisión de Galicia e nas redes sociais o spot de promoción do Porco Celta “Somos de Raza”, o cal está protagonizado por un grupo de gandeiros e gandeiras da asociación.

Os primeiros meses do ano son, cos tradicionais cocidos e as festas de Entroido que se celebran en toda a comunidade, datas clave para a promoción dos produtos desta raza porcina autóctona, polo que facer fincapé nas súas bondades entre os consumidores nestes momentos é unha acción estratéxica que impacta de xeito moi positivo nos operadores.