Un cento de persoas asistiron en Madrid ao cocido de Porco Celta ofrecido por Asoporcel na Casa de Galicia


  • Estiveron convidados ao xantar hostaleiros da comunidade, bloggers gastronómicos e outros representantes do sector da alimentación.
  • A iniciativa, a primeira destas características celebrada na Casa de Galicia, forma parte das accións da asociación para a promoción e difusión dos derivados da raza dentro e fóra da comunidade galega.

 Como parte das accións de promoción e difusión da raza Porco Celta fóra de Galicia, e con motivo das celebracións polo Entroido galego, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), en colaboración coa Casa de Galicia en Madrid, ofreceu onte unha degustación de cocido de Porco Celta á cal asistiron un cento de persoas entre hostaleiros madrileños, bloggers gastronómicos, medios especializados, representantes de distintas institucións e de asociacións galegas e outros representantes do sector da alimentación tanto da capital, como de outras zonas do país.

“Con esta proposta, a nosa intención é pór en valor a calidade dos produtos desta raza autóctona galega e seguir dando a coñecer entre consumidores e restauradores os seus derivados, así como tamén difundir as bondades destes alimentos dentro e fóra de Galicia”, sinalaron os portavoces de Asoporcel, que se mostraron moi satisfeitos co éxito de convocatoria. “Celebramos enormemente ter aquí a tanta xente disposta a gozar de produtos e tradicións galegas. Esperamos que, ao finalizar, teñamos axenciados devotos embaixadores do Porco Celta e dos seus produtos que nos axuden a seguir crecendo nos nosos compromisos de defensa e protección desta raza”, resaltaron.

Trátase da primeira acción destas características que acolle a Casa de Galicia en Madrid, tal e como destacaron dende esta institución. “Cremos que Madrid é o gran mercado a conquistar e a porta de entrada ao resto do país e, neste sentido, queremos ser unha plataforma útil que contribúa a poñer en valor produtos galegos de calidade diferenciada, como é o Porco Celta”, expuxo Juan Serrano, director desta institución.

A estrela do menú foi o cocido de Porco Celta, feito seguindo o estilo tradicional da Festa do Cocido de Porco Celta da comarca de Sarria e composto por cachola, lacón, chourizos, butelo e soá. Como acompañamento, patacas coa IXP Pataca de Galicia, grelos coa IXP Grelo de Galicia, pan coa IXP Pan de Galicia e viño con DOP Ribeira Sacra e, de sobremesa, doces galegos: bica de Trives e queixo con DOP Arzúa-Ulloa con marmelo.

 

UNHA CARNE CON MOITA HISTORIA

Como resultado da sinerxía entre o potencial xenético da raza, o tipo de alimentación e o sistema de cría en liberdade, a carne de Porco Celta resulta excepcional desde o punto de vista organoléptico, nutricional e saudable e é ideal para a elaboración de produtos cárnicos de calidade.

A carne zumarenta e tenra é consecuencia da maior idade de sacrificio, que determina carnes con maior retención de auga, e do potencial xenético da raza para a síntese e o depósito de ácidos graxos, o cal se traduce nunha maior infiltración graxa intramuscular. O aroma e o sabor proceden igualmente da concentración destes ácidos graxos volátiles.

A intensa coloración vermella vén proporcionada polo maior contido de mioglobina e se debe á vida ao aire libre que levan estes porcos.

Ademais, nutricionalmente a carne derivada da raza Porco Celta presenta un elevado contido de ácidos graxos esenciais de tipo insaturado, considerados cardiosaudables; en ferro biodispoñible procedente da mioglobina e en minerais e vitaminas procedentes da alimentación vexetal que se lles proporciona a estes animais.

 

UNHA MOSTRA FOTOGRÁFICA SOBRE O PORCO CELTA

Esta actividade gastronómica enmárcase dentro do plan de difusión da raza Porco Celta que Asoporcel puxo en marcha na capital española, a cal está encabezada pola mostra fotográfica “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”, na que se narra a través de medio cento de imaxes a historia recente do Porco Celta, así como tamén a aparición da asociación e os fitos acadados no seu case medio cuarto de século de traballo.

A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Casa de Galicia en Madrid, busca achegar os consumidores ao labor desempeñado polos gandeiros e gandeiras de Porco Celta, así como tamén facelos coñecedores das características desta raza e das súas carnes.

A mostra é de carácter itinerante e, tras estar exposta na Casa de Galicia en Madrid ata o 28 de febreiro, estará dispoñible para se exhibir en calquera centro cultural ou educativo, institución ou local que así llo solicite a Asoporcel.