A exposición fotográfica sobre o Porco Celta fai a súa primeira parada en Galicia con motivo da Moexmu
- A mostra inaugurouse onte a última hora da tarde na igrexa vella de Muimenta, onde se poderá visitar de xeito gratuíto ata o 1 de maio.
- A exposición, de carácter itinerante, está dispoñible para se exhibir en calquera centro educativo ou cultural, institución ou local que así llo solicite a Asoporcel.
A “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”, a primeira exposición fotográfica posta en marcha pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), volve á casa. Logo de estar durante o mes de febreiro na Casa de Galicia en Madrid, a mostra inicia agora a súa ruta por terras galegas. A primeira parada é en Muimenta (Cospeito, Lugo), onde estará exposta dende o inicio da Moexmu, o venres 31 de marzo, ata a Festa da Filloa do 1 de maio.
Onte a última hora da tarde tivo lugar a inauguración da mostra na localidade cospeitense. O acto estivo acompañado dunha pequena degustación de produtos derivados da raza Porco Celta.
A igrexa vella de Muimenta é o lugar escollido para acoller esta mostra, que relata través de medio cento de instantáneas a traxectoria do Porco Celta dende inicios do século XX e recolle, así mesmo, os principais fitos acadados por Asoporcel para a súa recuperación.
A iniciativa busca achegar os consumidores ao labor desempeñado polos gandeiros e gandeiras de Porco Celta, así como tamén facelos coñecedores das características desta raza e das bondades das súas carnes. “Agardamos que os visitantes atopen proveitoso o noso repaso pola evolución da raza no último século e que, ao finalizar a visita, teñan máis interese ca nunca por axudar a preservar este animal e por saborear os seus produtos derivados”, subliñan os voceiros da asociación. Nesta liña, apuntan que esta é “unha das iniciativas máis especiais de entre todas as que levamos feito dende a asociación a prol da difusión e promoción da única raza porcina autóctona galega”.
A exposición, de carácter itinerante, está dispoñible para se exhibir en calquera centro educativo ou cultural, institución ou local que así llo solicite a Asoporcel. Poden poñerse en contacto coa asociación chamando ao 982 226 252.