A promoción da raza Porco Celta entre os máis novos, eixe de traballo clave para Asoporcel


  • Garantir que a mocidade, como futuros consumidores, coñeza de primeira man a orixe dos alimentos que mercamos e que aprenda a valorar os produtos galegos de calidade diferenciada é unha área de promoción imprescindible para a asociación.
  • Asoporcel colabora con proxectos como o programa de formación para a educación primaria “Da Escola á Granxa” para dar pulo á raza Porco Celta entre os máis cativos.

“Para garantir o futuro do rural, é básico traballar para achegar o sector produtor aos máis novos”, remarcan os voceiros da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), que está a desenvolver distintas iniciativas para achegar as características desta raza porcina autóctona galega aos cativos e cativas da comunidade.

Facelos conscientes da realidade do rural galego para desmontar estereotipos en canto á actividade agrogandeira, así como para que sexan coñecedores do funcionamento do sector primario en xeral e dos diferentes sistemas de produción respectuosos co benestar animal e co medio ambiente en particular, son liñas de promoción da raza que non se deben descoidar.

Neste senso, a asociación ofrece charlas e exposicións en distintos centros educativos e forma parte, entre outras iniciativas, do proxecto “Da Escola á Granxa”, o programa de visitas das Anpas a proxectos de emprendemento no rural que desenvolve dende o pasado ano a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Na súa primeira edición, entre as 25 granxas participantes atopábanse as ganderías de Porco Celta Finca A Rega (Alfoz) o MVMC de Carballo (Friol), Porco Celta de Couboeira (Mondoñedo) e Casa da Fonte (Pantón), as cales, logo de abrir as súas portas para que os nenos e as nenas puidesen coñecer de primeira man os sistemas de cría da raza, fixeron unha moi boa valoración da receptividade dos rapaces durante as visitas.

Máis de 2.000 nenos e nenas de toda a provincia participaron na anterior edición nalgunha das case 80 visitas organizadas, nas cales puideron coñecer de preto o potencial e o nivel de innovación do sector produtor galego. Deste xeito, adaptando o contido á idade dos asistentes –e acompañando as visitas cunha guía ilustrada protagonizada polos “Bolechas”–, abordáronse temas como a importancia do labor gandeiro, o valor de fixar poboación no rural, as vantaxes da gandería en extensivo para recuperar terras abandonadas e para previr os incendios forestais e a calidade dos produtos que, como é o caso dos derivados do Porco Celta, son elaborados e comercializados en Galicia.