CARACTERÍSTICAS DA CARNE
Como resultado da sinerxía entre o potencial xenético da raza, o tipo de alimentación e o sistema de cría en liberdade a carne de Porco Celta resulta excepcional desde o punto de vista organoléptico, nutricional e saudable e é ideal para a elaboración de produtos cárnicos de calidade.
A través dos sentidos podemos coñecer todo a bagaxe desta raza e da súa forma de vida.
¿A QUE SE DEBEN AS PERCEPCIÓNS SENSORIAIS QUE EVOCA A CARNE DE PORCO CELTA?
A carne zumarenta e tenra é consecuencia da maior idade de sacrificio, que determina carnes con maior retención de auga, e do potencial xenético da raza para a síntese e depósito de ácidos graxos que se traduce nunha maior infiltración graxa intramuscular.
O aroma e sabor proceden igualmente da concentración destes ácidos graxos volátiles.
A intensa coloración vermella ven proporcionada polo maior contido de mioglobina, que ao mesmo tempo é consecuencia da vida ao aire libre que levan estes animais.
PROPIEDADES NUTRICIONAIS DA CARNE DE PORCO CELTA:
Nutricionalmente a carne derivada da raza Porco Celta presenta:
- Elevado contido de ácidos graxos esenciais de tipo insaturado, considerados cardiosaudables.
- Elevado contido en ferro biodispoñible procedente da mioglobina.
- Elevado contido en minerais e vitaminas procedentes da alimentación vexetal que se proporciona a estes animais. O elevado contido en vitamina E, por exemplo, é debido a súa función antioxidante, proporcionándolle durabilidade no tempo á calidade dos produtos cárnicos elaborados.