CARACTERÍSTICAS MORFOLÓXICAS


A raza Porco Celta agrupa animais de tamaño grande, que se caracterizan pola súa gran rusticidade, cun sistema óseo e muscular moi desenvolvido. Perfectamente adaptados ao medio no que se desenvolven, pastoreando e alimentándose de recursos naturais estacionais como landras, castañas e brotes vexetais dos extensos e ricos bosques autóctonos galegos. Son por iso animais moi aptos para a súa explotación en réxime extensivo.

Características específicas da raza Porco Celta:

  • CABEZA. De tamaño grande, forte, alongada e de perfil frontonasal de subcóncavo a recto, sendo no seu conxunto voluminosa. Fronte plana e proporcionada, formando unha aresta aguda na liña da caluga. Fociño ancho e groso. Orellas grandes e caídas que cobren os pequenos ollos.
  • PESCOZO. Longo, estreito e forte.
  • TÓRAX. Forte e profundo, con costelares pouco arqueados.
  • LOMBO. Longo, lixeiramente inclinado e de manifesta musculatura, facendo máis robusto o terzo anterior.
  • DORSO. Estreito, longo, coa liña dorsolumbar arqueada.
  • GRUPA. Caída, con desenvolvemento muscular medio. O rabo é groso e longo e está provisto na súa extremidade dunha borla de sedas e retorcese de modo típico cando o animal está nervioso sendo a súa postura habitual de maneira estirada.
  • VENTRE E XENITAIS DE FEMIAS. Ventre recolleito, con liña inferior plana, cun mínimo de 6/6 mamilas desenvolvidas, de implantación ampla e regularmente espazadas. Excepcionalmente poderán admitirse exemplares con menos de 12 mamilas, sempre que a súa cualificación global sexa superior á suficiente e a xuízo do director técnico. Vulva ben desenvolvida conforme á idade.
  • XENITAIS DE MACHOS. Nos machos os testículos ben formados, simétricos en lonxitude e tamaño.
  • EXTREMIDADES. Extremidades ben formadas, longas e fortes, con articulacións limpas e definidas.
  • COR E PELO. Dentro da raza Porco Celta existen tres ecotipos ou variedades segundo a tonalidade da capa. A variedade santiaguesa caracterízase por posuír unha pel rosada con ausencia total de pigmentacións. A variedade barcina posúe pequenas pigmentacións, como lunares circulares de cor lousento e a variedade carballina caracterízase polas súas extensas pigmentacions negras brillantes que en ocasións poden chegar a cubrir todo o seu corpo. Nas tres variedades a pel está cuberta de abundantes sedas, longas e fortes, que son máis abundantes na variedade carballina.

Na raza Porco Celta considéranse defectos obxectables (restan puntos ao momento da valoración morfolóxica):

  • Defectos no asentamento das extremidades non moi destacables.
  • Extremidades curtas que fan baixo ao animal.
  • Fociño pouco formado.

E considéranse defectos descualificables (a súa presenza elimina directamente ao animal):

  • Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado (cabeza moi pequena e pouco voluminosa, perfil convexo, orellas curtas, estreitas ou levantadas, liña dorsolumbar recta, grupa horizontal e moi musculada).
  • Hernias.
  • Anomalías nos xenitais: monórquido, criptórquido e infantilismo xenital.
  • Formación corporal non acorde coa idade.
  • Pigmentación total ou parcial dos pezuños.

Figura I. Exemplares da raza Porco Celta das variedades Santiaguesa, Carballina e Barcina respectivamente. (Fonte: ASOPORCEL)