HISTORIA
O xénero orixinario de todos os porcinos é o “SUS” e establécense o tres troncos prehistóricos seguintes:
• Sus Scrofa (Xabaril europeo)
• Sus Mediterráneo (Xabaril mediterráneo)
• Sus Vittatus (Porco asiático)
O tronco Celta procedería do cruzamento Sus Scrofa Ferus co Subxénero Striatosus.
A agrupación racial cética estendeuse en maior ou menor medida polo Norte e Noroeste de España dando lugar a distintas razas, hoxe máis ou menos cruzadas, como o Porco Chato de Vitoria, o Lermeño de Burgos, o Catalán de Vich, o Molinés de Guadalaxara, o Alistano e Zamora, a galega ou Celta, e outras tamén por Centroeuropa e Portugal. Moitas delas están hoxe desaparecidas.
Esta raza Celta era a máis importante en Galicia ata comezos do pasado século XX, sufrindo a partir de entón unha continua redución censal ocasionada pola importación de razas foráneas e polo cruzamento con estas, para obter maiores rendementos cárnicos e menores tempos de cebado. Así no ano 1951 tan só un 14% do total era da raza Celta para chegar posteriormente a case a desaparición na década dos oitenta.
Na actualidade, é unha raza incluída no Catálogo oficial de Razas de Gando de España como raza autóctona española en perigo de extinción (RD 2129/2008 de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras).
Con todo, vestixio de que a raza foi nunha época a predominante nas cuadras e feiras galegas, aínda quedaban moitas familias salpicadas polas zonas rurais de Galicia que adoitaban criar porcos desta raza, debido principalmente á maior calidade e suculencia da súa carne e produtos derivados.
Así foi como, a pesar de que xa non se catalogaban, fóronse mantendo algúns exemplares illados en diferentes redutos da Comunidade, que supuxeron os principais cimentos para a recuperación da raza a finais dos anos noventa.
Actualmente a raza porcina Celta está morfotípicamente ben definida e socialmente recoñecida pola súa calidade cárnica.