Desde o 16 de agosto e ata o 6 de setembro está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o "Programa CULTIVA 2024. Programa de Estancias Formativas de Novos Agricultores en Explotacións Modelo". Este ano participan 10 das nosas ganderías asociadas. Ademais, participa unha explotación de Gochu Asturcelta en Asturias e outra de Chato Murciano en Murcia, propoñendo desde Asoporcel explotacións porcinas de razas autóctonas en perigo de extinción en tres comunidades autónomas.
Trátase dunha iniciativa financiada e desenvolta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cuxo obxectivo é ofrecer a novos agricultores e gandeiros formación práctica en explotacións modelo de acollida a través de estancias formativas, onde teñan a oportunidade de adquirir e consolidar in situ coñecementos sobre aspectos técnicos e de xestión que poidan aplicar no desenvolvemento da súa propia actividade agraria.
As estancias, de carácter gratuito para os participantes, son desenvolvidas en territorio nacional e por períodos de entre 5 e 14 días de duración e ofrecen aos mozos 7 horas de formación diaria sobre diferentes temáticas, como a planificación e xestión económica e financeira das explotacións ou o uso de tecnoloxías dixitais, entre outras.
Iniciativa financiada y desarrollada por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación
Casa Cabo, unha gandería ecolóxica situada en Vegadeo, recibiu do 24 ao 28 de febreiro a Pablo, participante do Programa CULTIVA 2024. Durante a súa estadía, Pablo coñeceu de primeira man o funcionamento desta explotación en extensivo de razas autóctonas, así como a xestión ecolóxica da súa base territorial. A experiencia permitiulle comprender os desafíos e oportunidades que supoñía a produción en ecolóxico, desde o manexo do gando ata a sostibilidade do sistema.
Como parte do programa formativo, a estadía concluíu cunha visita técnica á aldea modelo de Osmo, en Cenlle (Ourense), onde Lucas Cabanelas desenvolve o seu proxecto de cría de Porco Celta. Durante esta xornada, tratáronse cuestións esenciais como a integración de criterios ambientais e climáticos na produción gandeira, a aplicación de prácticas sostibles e a recuperación de terras agrarias en Galicia. Tamén se abordou o impacto da dixitalización no sector e a importancia da participación en proxectos de innovación e desenvolvemento.
A explotación Porco Celta de Couboeira (Celtagal Porco Celta) acolleu do 24 ao 28 de febreiro a José Manuel, un participante no Programa CULTIVA 2024, unha iniciativa que permite a mozos agricultores realizar estadías formativas en explotacións modelo. Durante unha semana, José Manuel tivo a oportunidade de coñecer en profundidade a gandería en extensivo de razas autóctonas en perigo de extinción na explotación de Nando López, situada en Mondoñedo. Ao longo da súa estadía, afondou en aspectos clave como o modelo de negocio e as condicións ambientais e climáticas que inflúen na actividade.
Para completar a experiencia, realizouse unha visita técnica á aldea modelo de Osmo, en Cenlle (Ourense), onde Lucas Cabanelas xestiona a súa propia explotación de Porco Celta. Durante esta xornada, abordouse a incorporación de criterios ambientais e climáticos na produción gandeira, así como diversas prácticas sostibles. Ademais, tratáronse temas de gran interese para o sector, como a cría en extensivo de Porco Celta, as figuras de recuperación da terra agraria en Galicia, o uso de tecnoloxías dixitais aplicadas á gandería e a participación en proxectos de I+D+i.