Síguenos en:
imaxe/2023/05/04/31-08-2021_asoporcel_baterá_récord_de_animales...jpg

Asoporcel baterá récord de animais en exhibición na Semana Verde 2021

   31 de agosto de 2021
  • Asoporcel acudirá este ano á Semana Verde de Galicia con máis dun cento de exemplares in vivo chegados de ganderías das catro provincias galegas.
  • Como vén sendo habitual, tamén terán presenza en Salimat a través dos seus operadores e poderase degustar a carne de Porco Celta no TapiRazas.

Lugo, 31 de agosto de 2021. A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) volverá estar presente na Semana Verde de Galicia dende este venres e ata a última hora da tarde do domingo, tanto na zona de exhibición como no pavillón de alimentación.

Tal e como sinalaron dende a asociación, a deste ano será unha cita de “transición e adaptada ao novo contexto socio-sanitario”, na que decidiron non convocar unha nova edición do seu concurso de manexo para evitar multitudes na medida do posible.

No seu lugar, e en resposta ao interese crecente que esperta o Porco Celta entre os consumidores, desta volta apostaron por reforzar a presenza de animais na feira. Así pois, co obxectivo de “ter a maior representatividade posible e que os asistentes poidan ver todos os estados produtivos do Porco Celta”, no pavillón de exhibicións reuniranse estes días arredor de 120 exemplares de ganderías das catro provincias galegas e de todas as idades (dende leitóns, ata sementais, pasando por porcas nai e animais en transición).

 

O PORCO CELTA, TAMÉN EN SALIMAT

A carne e os derivados da raza poderanse degustar no pavillón de alimentación da feira. Acudirán con stand os operadores Céltico e Tres Fuciños e, ademais, o Porco Celta formará parte dos menús degustación do TapiRazas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz, do venres (empanada de liscos de raza Porco Celta e croquetas de ovos fritidos de raza Galiña de Mos con chourizo de raza Porco Celta) e do sábado (croquetas de ovos fritidos de raza Galiña de Mos con chourizo de raza Porco Celta).

Tags :