A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) levou a cabo a colocación da antena e os primeiros crotais con xps que analizarán o proceder diario dos animais da raza Porco Celta. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto AsopQRcel, destinado á trazabilidade dixital certificada por blockchain na cadea produtiva da raza autóctona Porco Celta.
A Fundación Terreo é a primeira en probar esta tecnoloxía. Á par da colocación destes crotais, durante a xornada de hoxe vacináronse e saneáronse os animais desta gandería de Ribeira de Piquín.
Esta iniciativa, que foi presentada en febreiro, desenvolverase durante os vindeiros tres anos e poñerá o foco en desenvolver un sistema de trazabilidade certificado que permita garantir ao consumidor, non só a calidade e autenticidade do produto, senón tamén achegar información sobre o impacto medioambiental e o benestar animal na súa produción.
Forman parte do consorcio, xunto con Asoporcel, a cooperativa Tres Fuciños, o Instituto de Biodiversidade Agraria e de Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela, Innogando e a Fundación Terreo. Así mesmo, conta co apoio da consultora Medrar, da empresa de comunicación Transmedia e dos especialistas en desenvolvemento de software Pyramis.
A iniciativa bota a andar ao abeiro das axudas convocadas pola Agacal no ano 2023 para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.
Dende Asoporcel ven este proxecto como clave para retroalimentar iniciativas de recuperación e posta en valor de terras en desuso, así como de asentamento e inicio de actividade económica de xente nova nas zonas rurais máis desfavorecidas.