Síguenos en:
imaxe/2024/02/09/asopqrcel_presentacion.jpg
ASOPQRCEL

Asoporcel comeza cun novo proxecto de etiquetado dos produtos derivados do Porco Celta para garantir a súa trazabilidade

   09 de febreiro de 2024
  • Mediante un código QR, o consumidor poderá ter acceso a un certificado dixital que asegurará a trazabilidade do produto que está a mercar.
  • Xunto con Asoporcel, participan no proxecto a cooperativa Tres Fuciños, o Ibader, Innogando, e a Fundación Terreo.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrou esta mañá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a reunión de presentación do grupo operativo “AsopQRcel”, destinado á trazabilidade dixital certificada por blockchain na cadea produtiva da raza autóctona Porco Celta.

O proxecto desenvolverase durante os vindeiros tres anos e poñerá o foco en desenvolver un sistema de trazabilidade certificado que permita garantir ao consumidor, non só a calidade e autenticidade do produto, senón tamén achegar información sobre o impacto medioambiental e o benestar animal na súa produción.

“Temos o convencemento de que, a través desta iniciativa, poderemos engadir un maior valor ao produto, ademais de marcar diferenciación respecto aos competidores e acadar un mellor posicionamento no mercado”, enumeraron os voceiros da asociación. Todos estes son, sen dúbida, puntos clave para retroalimentar iniciativas de recuperación e posta en valor de terras en desuso, así como de asentamento e inicio de actividade económica de xente nova nas zonas rurais máis desfavorecidas, tarefas que Asoporcel destaca como esenciais para a revitalización do rural galego.

Forman parte do consorcio, xunto con Asoporcel, a cooperativa Tres Fuciños, o Instituto de Biodiversidade Agraria e de Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela, Innogando e a Fundación Terreo. Así mesmo, contarán co apoio da consultora Medrar, da empresa de comunicación Transmedia e dos especialistas en desenvolvemento de software Pyramis.

A iniciativa bota a andar ao abeiro das axudas convocadas pola Agacal no ano 2023 para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.