Esta mañá tivo lugar na Oficina de Turismo de Galicia en Lugo a presentación da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) como nova entidade autorizada para o uso do selo Galicia Calidade, distintivo que garante aos consumidores que os produtos certificados superaron os controis e normativas de calidade establecidas, ademais de asegurar a súa orixe galega.
No acto, ao que asistiron medio cento de persoas entre autoridades, membros de Asoporcel e outras personalidades convidadas, participaron José Barreira, presidente de Asoporcel; Manuel Heredia, director xeral de Galicia Calidade; Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, e Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
Na súa quenda, Barreira aludiu ao valor deste selo como “unha garantía de éxito no mercado”, así como “un paso máis no camiño de promocionar a raza Porco Celta, fomentar o seu consumo e abrir novas vías de comercialización” e expresou que para a asociación “resulta moi gratificante contar co apoio de tanta xente nos pequenos logros que imos acadando”.
O director xeral de Galicia Calidade deu a benvida a Asoporcel ao grupo de entidades que xa integran esta marca: “Para nós é unha honra poder contar con Asoporcel neste proxecto que é Galicia Calidade” no cal, indicou, están potenciando tres eixos fundamentais de traballo: a internacionalización, a sustentabilidade e a dixitalización do selo.
Así mesmo, o delegado territorial da Xunta en Lugo valorou moi positivamente a inclusión de Asoporcel como entidade autorizada para o uso deste distintivo, en tanto que o seu emprego axudará aos derivados da raza a ter unha maior visibilidade e demanda tanto dentro como fóra da comunidade galega.
Ao remate das intervencións, houbo unha degustación de produtos da raza na que o cociñeiro da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo Alejandro Méndez (restaurante Os Cachivaches) ofreceu dúas tapas: saam con papada de Porco Celta con langostino kataifi e salsa de soia doce e segredo de Porco Celta á prancha con arroz de tres tomates.
Asoporcel suma a acreditación Galicia Calidade ao logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta, o cal a asociación xa vén usando dende hai seis anos para garantir a trazabilidade dos derivados da raza. Deste xeito, a partir de agora todos os produtos de Porco Celta irán sinalados con ambos os dous distintivos.
O SELO GALICIA CALIDADE
Galicia Calidade certifica os produtos das empresas máis emblemáticas de Galicia, pertencentes a diversos sectores da economía da comunidade. Na actualidade, preto de 140 entidades están acollidas a esta marca, que acredita a calidade de máis de 400 referencias de áreas como a carne, o viño, a hortofruticultura, a xoiaría, a avicultura ou o turismo.