Síguenos en:
imaxe/2025/02/11/WhatsApp_Image_2025-02-11_at_15.59.34.jpeg

Asoporcel levou o Porco Celta ao Forest Innovation Workshop de Bruxelas

   11 de febreiro de 2025

Durante a súa participación neste foro, a Asociación presentou o Porco Celta como ferramenta sostible para a xestión forestal e afondou en proxectos nos que están a colaborar, como o ASOPQRCEL e o BIO4TRACE, a través dos cales promoven a sustentabilidade rural mediante a i+D.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) participou este martes, 11 de febreiro, na sexta edición do Forest Innovation Workshop and OptFor-EU Mid-Term Conference. Celebrado en Bruxelas, baixo o lema “INFORMAR-PRIORIZAR-COLABORAR: Construíndo un futuro forestal sostible a través da cooperación rexional e a innovación”, Asoporcel formou parte da mesa dedicada á innovación en materia agroforestal.

A presenza da Asociación neste foro internacional supuxo unha excelente oportunidade para dar a coñecer a nivel europeo a importancia do Porco Celta como ferramenta para a xestión sostible do territorio. Esta raza autóctona galega, grazas ao seu sistema de crianza en liberdade, está a demostrar a súa eficacia na recuperación de terras abandonadas, na prevención de incendios forestais e na dinamización do medio rural.

"Que conten con nós para este encontro é un recoñecemento ao traballo que estamos a facer, tanto os gandeiros como o persoal técnico da asociación, conxugando a preservación dunha raza autóctona con solucións innovadoras para a xestión forestal", sinalou Iván Rodríguez, director técnico de Asoporcel, quen participou na xuntanza como orador. "O noso modelo permite non só revitalizar o sector agropecuario galego, senón que ademais ofrece unha alternativa viable e sostible para a xestión dos montes", engadiu.

Durante a súa intervención, presentou a Asociación, o traballo que realizan coa raza, o sistema patentado de aproveitamento do Porco Celta, que xa está a dar resultados positivos en diversos puntos de Galicia. Ademais, expuxo o traballo do grupo operativo Forescelta, que investigou novas formas de integración do Porco Celta na xestión forestal, e deu a coñecer proxectos de i+D nos que están a traballar, como ASOPQRCEL e o BIO4TRACE, que contribuirán á trazabilidade e á valorización das producións desta raza.

Para Asoporcel, este encontro en Bruxelas representou unha oportunidade estratéxica para seguir avanzando na posta en valor do Porco Celta e do seu papel na sostibilidade dos ecosistemas forestais europeos. "Estamos convencidos de que a nosa experiencia pode servir de referencia para outros territorios que buscan alternativas reais e sostibles para a xestión do medio", concluíron desde a Asociación.