A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte unha degustación de Porco Celta organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). O evento reuniu un cento de asistentes, entre hostaleiros, distribuidores e exportadores, criadores de Porco Celta, medios especializados, representantes institucionais, asociacións galegas e madrileñas, figuras destacadas da sociedade e outros profesionais do sector alimentario procedentes de distintas zonas do país.
Como acto de benvida, tomaron a palabra Luis Ramos, director da Casa de Galicia en Madrid; Fernando Martínez, de Madrid Alimenta; Rogelio Enríquez, presidente da Academia Madrileña de Gastronomía, e Cheché Real, presidente de Hostalería de Galicia e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl). Todos eles destacaron a importancia de reunións coma esta para a revalorización desta raza autóctona e para poñer o foco no seu potencial na gastronomía de alta calidade.
Así mesmo, durante o evento celebrouse unha mesa redonda na que se abordaron as bondades da carne de Porco Celta. Moderada por Real, nela interviñeron os cociñeiros Álex Méndez, Fran Vilela e Victoria Maseda, xunto cos cortadores de xamón Raúl Barrado e Jorge González.
UN MENÚ EXQUISITO
O evento ofreceu un total de nove elaboracións a cargo de tres recoñecidos chefs. Álex Méndez (Os Cachivaches, Lugo) presentou tataki de solombo de Porco Celta, saam de meixela de Porco Celta e orella de Porco Celta con alcachofa. Fran Vilela (Cinza e Lume, Sarria) propuxo lingote de Porco Celta con mazá en texturas, canelón de entrecosto de Porco Celta con bechamel de foie e hamburguesa Celta. Victoria Maseda (Masseda Catering, Madrid) elaborou puri de tártaro de salchichón de Porco Celta, minibrioche de roupa vella con queixo de Arzúa e crocante de butifarra branca con maionesa de pemento de Padrón.
O evento contou ademais coa participación dos cortadores de xamón Raúl Barrado e Jorge González (Mejor a Cuchillo), que deleitaron os asistentes coa súa mestría no corte de xamón de Porco Celta.
Desde Asoporcel agradeceron aos chefs o seu compromiso e predisposición para traballar cos derivados do Porco Celta. “Co seu bo facer, están a contribuír de maneira innegable á difusión e posta en valor desta raza autóctona e da excelencia dos seus produtos na gastronomía contemporánea”, subliñaron os portavoces da asociación.