Síguenos en:
imaxe/2025/11/19/porcocelta_precintos.jpeg

Asoporcel pon en funcionamento un sistema pioneiro de trazabilidade total para o Porco Celta

   19 de novembro de 2025
  • Permitirá consultar, mediante un código QR, toda a información de cada peza de Porco Celta: desde a granxa de orixe ata o matadoiro e a industria transformadora.
  • Trátase dun proxecto precursor en Galicia que garante unha trazabilidade total e inviolable, ao temo que reforza a transparencia, a seguridade alimentaria e o valor engadido do Porco Celta.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de desenvolver un novo sistema que permitirá que as canais e as cabezas de Porco Celta incorporen no seu etiquetaxe un código QR intelixente co que o consumidor poderá consultar toda a información do animal e do proceso de produción. Galicia convértese así na primeira comunidade en ofrecer un sistema de trazabilidade total e verificada para unha carne autóctona.

A través deste código, poderase a acceder a datos como o número de precinto, sexo e idade do animal, data de sacrificio, nome do propietario e localización da granxa, matadoiro, industria transformadora, técnico responsable e peso da canal. A información está dixitalmente certificada e vinculada a un sistema blockchain, que garante a súa inviolabilidade e transparencia.

“O consumidor poderá coñecer con exactitude de onde vén o que está comendo, e iso tradúcese en confianza e seguridade alimentaria”, explican desde Asoporcel. “Ao mesmo tempo, é unha ferramenta que pon en valor o traballo dos nosos gandeiros, que apostan pola calidade, o benestar animal e o respecto polo medio ambiente”.

A implantación deste sistema contribuirá tamén á modernización e dixitalización do sector gandeiro galego, así como a reforzar a competitividade das explotacións e a favorecer a súa adaptación aos obxectivos da nova PAC.

“Estamos a dar un paso decisivo cara á dixitalización e a transparencia total da nosa carne”, destacan desde a asociación. “ASOPQRCEL garante unha trazabilidade real, da granxa á mesa, e reforza o compromiso do Porco Celta coa inocuidade alimentaria e coa sustentabilidade”.

A primeira proba do sistema realizouse a finais de outubro con pezas procedentes de ganderías socias de Asoporcel e estará totalmente operativa a partir de 2026.

SOBRE O PROXECTO ASOPQRCEL

Este sistema de etiquetaxe foi unha iniciativa derivada do proxecto ASOPQRCEL, de trazabilidade dixital certificada por blockchain na cadea produtiva do Porco Celta, que se leva a cabo dentro das axudas para a execución de proxectos innovadores de grupos operativos AEI; e está financiado polo FEADER, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. Intégrase dentro da estratexia europea Farm to Fork, que promove unha cadea alimentaria máis sostible e transparente. O seu obxectivo é eliminar fraudes nas etiquetaxes e ofrecer información veraz e contrastada ao consumidor, de xeito que se fortaleza o prestixio do Porco Celta e se incremente o seu valor engadido no mercado. Así mesmo, para o avance na desenvolvemento deste sistema de etiquetaxe, Asoporcel contou coa colaboración da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Teñen a disposición máis información sobre o proxecto nesta ligazón: https://asoporcel.es/gl/raza/proxectos-id/asopqrcel/

Tags :