A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), entidade impulsora do proxecto BIO4TRACE, embárcase na tarefa de mellorar a trazabilidade e a selección xenética das razas porcinas autóctonas minoritarias en España en xeral e do Porco Celta en particular. Cun enfoque na biotecnoloxía avanzada, búscase salvagardar estas razas en perigo de extinción, asegurando o seu valor engadido e promovendo prácticas gandeiras sostibles. Xunto con Asoporcel, forman parte do Grupo Operativo encargado da súa posta en marcha os Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur), a Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario, Pyramis, Eypasa e a Fundación Terreo, e contan co apoio do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Universidade de Murcia, Transmedia Comunicación e Medrar Innovation Office.
“A iniciativa non só axudará a estas razas a mellorar a súa xenética e adaptabilidade, senón que tamén reforzará o seu posicionamento no mercado como produtos de alta calidade e sostibles. A creación dunha referencia identitaria común promoverá o seu recoñecemento e valoración, consolidando a súa unidade e elevando o seu prestixio ante os consumidores”, valoraron os voceiros de Asoporcel.
BIO4TRACE desenvolverase ao abeiro dunha axuda de 599.261,75 € para a preparación e execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas (AEI-Agri), no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Dende España, presentáronse preto de duascentas candidaturas a estas subvencións, das cales foron aprobadas ata o momento 65 e, delas, a proposta de BIO4TRACE quedou en 30ª posición. “Para unha pequena asociación de gandeiros como a nosa, este é un gran paso que nos permitirá un avance significativo na profesionalización das nosas granxas e na definición das liñas xenéticas do Porco Celta”, destacaron dende Asoporcel, ao tempo que apuntaron cara á promoción das empresas da contorna que incentivan este tipo de fondos. “Cremos que proxectos coma este son unha vía moi interesante para a xeración de riqueza na nosa comunidade; benefician tanto ao sector gandeiro, como a distintas empresas privadas e centros de investigación públicos”.
TRAZABILIDADE DA GRANXA Á MESA
O principal obxectivo de BIO4TRACE é implementar xenotipados de alta e ultra densidade xunto con fenotipados detallados para establecer unha trazabilidade completa desde a granxa ata a mesa. Isto non só garante a autenticidade e calidade dos produtos, senón que tamén infunde confianza nos consumidores. Para iso, apoiarase en tecnoloxías avanzadas como a intelixencia artificial e a certificación dixital a través de blockchain, creando un sistema de seguimento robusto e transparente.
Entre os obxectivos específicos, destaca a identificación de marcadores moleculares que permitan diferenciar os produtos derivados destas razas no mercado. Este avance facilitará a certificación precisa da procedencia dos produtos, engadindo un valor diferenciador esencial. Ademais, BIO4TRACE centrarase na determinación de secuencias xenéticas que se relacionan directamente con trazos cuantitativos do fenotipo como a calidade da carne, o perfil de ácidos graxos e a infiltración de graxa intramuscular. Este coñecemento é fundamental para mellorar a cría e adaptación das razas porcinas, o que resultará nunha produción de carne de maior calidade e nunha gandería máis sostible.
XESTIÓN DE DATOS APOIADA NA IA
BIO4TRACE tamén busca establecer programas de cría e trazabilidade específicos para estas razas, facilitando o intercambio de animais entre produtores e promovendo melloras xenéticas significativas. A recolección sistemática de datos fenotípicos de animais da raza Porco Celta permitirá correlacionar esta información con datos xenómicos, contribuíndo a unha mellora continua na calidade xenética e na adaptación da raza.
Un compoñente crucial do proxecto é a creación dunha plataforma de xestión de datos na nube, enriquecida con intelixencia artificial. Isto permitirá unha toma de decisións máis intelixente e eficiente, mellorando a calidade e a fiabilidade dos datos para o consumidor final. Anticípase que esta innovación tecnolóxica abrirá novas oportunidades de optimización, aforro de custos e melloras operativas para as organizacións involucradas, impulsando a xestión avanzada de datos e a trazabilidade.