Síguenos en:
imaxe/2023/11/10/cartel_xornada_tecnica_asoporcel_oTR1bMg.jpg

A economía das explotacións e a presenza de derivados do Porco Celta nos comedores de Inditex, temas centrais da xornada técnica organizada por Asoporcel

   13 de novembro de 2023
  • A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta ofrecerá o sábado 25 de novembro a súa sesión formativa sobre o Porco Celta en Galicia, a cal congrega cada ano a un cento de persoas interesadas na raza.

A V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia ofrecida pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o sábado 25 de novembro, en horario de mañá.

Entre os relatores desta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, atópanse Pep Font (socio fundador de SIP Consultor) e Senén Barral (responsable de comedores na Área de Innovación de Inditex), os cales abordarán o cálculo do rendemento económico das granxas e a restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas, respectivamente.

A economía das explotacións será o eixe da exposición que ofrecerá Font, que presentará de forma profesional e práctica as formas para coñecer a marxe económica das ganderías, poñendo o foco en aspectos como a medición da produción, dos gastos e dos consumos co obxectivo de saber canto custa producir.

Pola súa banda, Barral afondará en como están a traballar con produtos próximos de calidade nos comedores de Inditex. A área de Innovación á que pertence Barral xestiona catorce comedores de Inditex no mundo, situados maioritariamente en España. Como referentes mundiais en restauración sustentable, neles destaca a presenza e impulso á recuperación de razas autóctonas e de especies en perigo de extinción, como o Porco Celta.

Na segunda parte da mañá terá lugar unha mesa redonda moderada pola xornalista María Cedrón que tratará o futuro das razas porcinas españolas en perigo de extinción e que contará coa participación de voceiros de cinco das principais asociacións de razas porcinas minoritarias de España.

INSCRICIÓNS ATA O 22 DE NOVEMBRO

A xornada é gratuíta e está aberta a todo o mundo, pero é necesario realizar inscrición previa para asistir. As persoas interesadas pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 22 de novembro ás 14:00 horas.