A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrará o domingo 8 de xuño, ás 18:00 horas, no ring central da Semana Verde de Galicia, o primeiro Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs. Gochu Asturcelta, unha actividade lúdica e divulgativa que busca poñer en valor o carácter e manexabilidade destas dúas razas porcinas autóctonas españolas, así como achegar estes animais ás novas xeracións.
Os protagonistas do certame serán dous cativos con moita paixón polo rural e polos animais. Representando ao Porco Celta, competirá Anxo Calviño, de 8 anos, quen contará co apoio do seu tío Fernando Calviño, de CMF Celtaporc (Vila de Cruces, Pontevedra). Esta gandería, que aposta pola venda directa de produtos derivados da raza, vén de abrir recentemente a carnicería Orixes Galegas, en Boqueixón, xunto con Nando López, outro dos criadores membros da asociación. Anxo manexará a Laidi, unha femia reprodutora de Porco Celta da variedade barcina de 18 meses e 150 kg de peso, filla de Galiciña, a porca gañadora do VII Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta celebrado o ano pasado.
Pola parte asturiana, defenderá o estandarte do Gochu Asturcelta Sara Blanco, de 14 anos, acompañada pola súa irmá. A súa compañeira de concurso será Ivana, unha femia reprodutora de 18 meses e 160 kg, criada de xeito natural e en extensivo na gandería Borja García Rivero, situada en Oviedo, onde apostan pola calidade e o aproveitamento da montanera de avellana, castaña e bellota.
Este novo formato de competición pon o foco na participación infantil e xuvenil como símbolo da continuidade no coidado e promoción das razas autóctonas. Colaboracións como esta entre Asoporcel e a Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta reforzan a necesidade de tecer alianzas entre territorios para dar visibilidade e futuro ao patrimonio xenético e cultural vinculado á gandería tradicional.
OFERTA DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
O Concurso Interracial de Manexo Porcino, que promete ser un dos momentos máis entretidos da feira, forma parte da ampla programación que Asoporcel levará á Semana Verde de Galicia 2025, a cal se celebrará en Silleda do 5 ao 8 de xuño. O Porco Celta contará cun espazo destacado no pavillón de animais, con arredor de 60 exemplares da raza procedentes de 25 ganderías, aos que se suman os do Inorde e os da raza Gochu Asturcelta, e ofreceranse ademais produtos no Salimat (a través dos operadores Celtagal, Cienporcel, CMF Celtaporc e Tres Fuciños), degustacións no TapiRazas e outras actividades divulgativas, como o VII Concurso Morfolóxico da raza ou o sorteo de catro lotes de produtos entre as persoas que cubran a enquisa sobre consumo de carne de razas autóctonas.