Máis de 150 persoas asistiron á reunión formativa sobre esta raza autóctona organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta.
Logo de dous anos de parón pola pandemia, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) retomou esta mañá no Pazo de Feiras de Lugo a celebración da súa sesión formativa sobre o Porco Celta en Galicia e fíxoo superando os rexistros da última reunión: máis de 150 persoas asistiron ás charlas desta edición.
Na inauguración interviñeron Iván Rodríguez (director técnico de Asoporcel), Lara Méndez (alcaldesa de Lugo), Javier Arias (delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo), Mª Isabel Rodríguez (subdelegada do Goberno en Lugo) e Roberto Fernández (deputado da área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo).
Todos os representantes das distintas institucións públicas fixeron fincapé no traballo que se desenvolve dende Asoporcel para defender e promover a raza porcina celta e felicitáronos polos premios en recoñecemento ao seu labor que recibiron nos últimos tempos. Así mesmo, ratificaron a súa intención de seguir apoiando a esta raza como o fixeron ata o de agora e incidiron no importante papel que xoga a asociación á hora de recuperar a biodiversidade, xerar emprego e fixar poboación no rural.
PRIMEIRA PARTE: A INFLUENCIA DA XENÉTICA NAS ENFERMIDADES EMERXENTES E AS CLAVES DE MANEXO DO PORCO CELTA
Entre os relatores desta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, atopábanse os investigadores Guillermo Ramis (director do departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da UM) e Ignacio Ortolani (veterinario do departamento técnico e de formulación de Agrifirm España).
Na súa exposición, Ramis abordou a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes ou reemerxentes aparecidas nos últimos anos no porcino, cunha especial mención ás razas minoritarias e concretamente ao Porco Celta, sobre o que tratou a súa rusticidade e posible endogamia. Fixo, así mesmo, un repaso á influencia da xenética dos patóxenos e dos propios porcos.
Pola súa banda, Ortolani centrouse nas claves de manexo da porca reprodutora de Porco Celta. En concreto, afondou nos aspectos sanitarios de maior relevancia e enunciou unha batería de pautas básicas e complementarias. Así mesmo, tamén tratou os criterios para un manexo correcto da alimentación, área na que achegou unha serie de recomendacións nutricionais axustadas a cada fase produtiva.
SEGUNDA PARTE: A SITUACIÓN ACTUAL DA PESTE PORCINA AFRICANA E AS ESPECIFICIDADES DA NOVA PAC PARA O PORCO CELTA
Os outros dous relatores invitados a participar foron Francesc Accensi (profesor do departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da UAB e investigador do Centro de Recerca en Sanitat Animal) e José Manuel Ferreiro (xefe do Servizo Territorial do FOGGA en Lugo).
Na súa charla, Accensi afondou nas orixes e na situación actual da peste porcina africana, unha enfermidade hemorráxica que a día de hoxe está producindo unha grave pandemia no porcino. Afondou, entre outros aspectos, no axente causal de dita enfermidade, así como nas claves para o seu control, que pasan por un diagnóstico precoz, pola aplicación de políticas de baleirado sanitario e polo reforzo da bioseguridade nas granxas.
O relatorio de Ferreiro estivo fundamentalmente referido ao funcionamento global que se prevé para a nova PAC. Entre outros aspectos, tratou a transición do sistema de dereitos de pagamento básico cara ao de axuda básica á renda, as novas axudas que se crean e as que se redefinen. A maiores, expuxo as diferentes prácticas ás que se poden acoller as explotacións dentro dos ecorreximes e, por último, aludiu ás axudas agroambientais, nas cales se inclúe a liña de razas autóctonas en perigo de extinción, a máis relevante para os produtores de Porco Celta.
UN REENCONTRO MOI AGARDADO
Os voceiros da asociación subliñaron a súa satisfacción ante o éxito de convocatoria, así como ante o interese que amosaron os asistentes polos temas propostos, e, xunto co relevancia cada vez maior desta raza, apuntaron cara ás ganas dos membros da asociación de volver reunirse, logo de dous anos, como un dos factores decisivos para o gran volume de público presente.