Síguenos en:
imaxe/2024/09/27/invitacion_25anos_ASOPORCEL_HR.jpg
25 ANOS COIDANDO DA RAZA

Gastronomía e historia converxeron na celebración do cuarto de século de traballo pola recuperación do Porco Celta

   27 de setembro de 2024

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) organizou esta tarde no claustro da Catedral de Lugo o acto de celebración dos seus 25 anos traballando a prol da recuperación do Porco Celta, a única raza porcina autóctona galega.

O evento, que fixo especial fincapé en poñer en valor o labor inestimable que levan a cabo os criadores da raza, estivo presentado polo comunicador Martín Barreiro e reuniu na capital lucense preto de catrocentas persoas entre autoridades, cociñeiros, representantes de entidades colaboradoras e membros da sociedade civil.

O presidente de Asoporcel, José Barreira, agradeceu a todas as entidades colaboradoras do evento e destacou no seu discurso o bo momento que atravesa o Porco Celta, se ben aínda queda camiño por percorrer. Neste sentido, destacou o traballo inestimable dos gandeiros e cada paso do camiño: “Estes vinte e cinco anos son dos criadores, dos que estiveron daquela ao principio, de todos os que continuaron coa labor e dos que teñen hoxe o relevo. Parabéns a todos!”. Pensando no futuro, Barreira recordou a necesidade de seguir aumentando o volume de granxas dedicadas á cría desta raza: “Temos moito para onde medrar e moito no que progresar”.

Tamén participaron no acto conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, que subliñou o compromiso do Goberno galego co  pulo ao sector primario e a importancia de iniciativas como a de Asoporcel para o desenvolvemento sostible; a edil de Benestar da Deputación de Lugo, Olga López, quen salientou o impacto que ten a preservación das razas autóctonas como parte do patrimonio cultural de Galicia, e a subdelegada do Goberno en Galicia, María Isabel Rodríguez, que fixo fincapé na relevancia de preservar as razas autóctonas españolas. 

Pola súa parte, os deputados das áreas de Promoción Económica e Social e de Medio Rural da Deputación de Lugo, Pablo Rivera e Iria Castro, sinalaron o impacto económico e social que a recuperación do Porco Celta representa para a provincia e reafirmaron o apoio institucional ao sector gandeiro en xeral e á conservación das razas autóctonas en particular.

A xornada incluíu unha conferencia maxistral a cargo do prestixioso catedrático Ángel Carracedo, titulada "A coevolución dos humanos e dos animais". Durante a súa intervención, o profesor Carracedo apuntou as principais diferenzas xenéticas entre humanos e animais e analizou as súas respectivas evolucións, así como a maneira en que se influíron mutuamente ao longo da historia.

 

PORCO CELTA: 25 ANOS DE SABORES AUTÓCTONOS

Como colofón para o evento, tivo lugar unha variada degustación na que o Porco Celta foi o protagonista indiscutible. Participaron un total de once cociñeiros de renome e non só sobresaíu pola calidade das elaboracións, senón tamén pola colaboración especial dos membros da Asociación Síndrome de Down de Lugo e do alumnado da Escola de Hostalería do IES Sanxillao de Lugo, que interviñeron activamente na preparación e servizo dos pratos.

As propostas frías foron o tonkatsu de Porco Celta con aguachile de pementos de Padrón e flocos de millo, elaborado por Alejandro Ares (Finca Montesqueiro), así como o lombo de Porco Celta en escabeche con crema San Simón e pementos de Mougán, presentado por Juan Rubiños (Grupo Contrafuerte). Pola súa parte, Victoria Maseda (Airiños Gastro) optou por un tartar de salchichón de Porco Celta, mentres que Manuel Vázquez (Vitato) se encargou de cortar xamón ao momento para deleitar os asistentes.

Os pratos quentes estiveron a cargo de Alejandro Méndez (Os Cachivaches), que se decantou por un arroz meloso de xamón de Porco Celta con espuma de allo e lagostinos crocantes, e Iván Domínguez (Nado), que cociñou unhas albóndegas de Porco Celta acompañadas de puré de castañas. Así mesmo, Nardo Eiroa (Canedo) apostou polas faceiras ao mencía con crema de batata e Héctor López (España) serviu un saboroso brioche de pulled pork.

Moncho Méndez (Millo) propuxo un xizhou de costela con chimichurri de pementos do piquillo e queixo, mentres que Manuel Garea (Pazo de Cores) presentou un prato de solombo de Porco Celta con chimichurri de algas e salsa cebiche, acompañado dun pan de xema e manteiga, e Pablo Vila (Oca Puerta del Camino) sorprendeu cun bao de entreteto e conservas en vinagre.

Para completar esta experiencia gastronómica, durante a sobremesa servíronse filloas, preparadas en directo polas Filloeiras de Muimenta, e tortas de Santiago da empresa Tartas La Abuela, autorizada para o uso do selo Galicia Calidade.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, tamén participou cun túnel de degustación onde se puideron degustar viños, augardentes e licores premiados nas Catas de Galicia 2024.

Tags :