Síguenos en:
imaxe/2026/06/06/ferampor_presentacion.JPG

Nace FERAMPOR, a federación que une as seis razas porcinas autóctonas minoritarias recoñecidas en España

   06 de xuño de 2026

A nova Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas, presentada oficialmente esta tarde en Silleda, no marco da Semana Verde de Galicia, reúne as asociacións de Gochu Asturcelta, Cochino Negro Canario, Pío Negro/Euskal Txerria, Porc Negre Mallorquí, Chato Murciano e Porco Celta.

Esta tarde celebrouse na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, a presentación oficial da Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (FERAMPOR), unha nova entidade de ámbito estatal que nace co obxectivo de preservar, impulsar e dar visibilidade ás razas porcinas autóctonas minoritarias de España.

O acto estivo moderado por Guillermo Ramis, catedrático de Produción Animal da Universidade de Murcia, quen contextualizou a creación da federación e deu paso aos representantes das asociacións integrantes.

FERAMPOR, NOVA FERRAMENTA ESTATAL DE REPRESENTACIÓN

FERAMPOR reúne a Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (ACGA), a Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario, a Asociación Navarra para a Conservación e o Desenvolvemento do Porco de Raza Pío Negro/Euskal Txerria (ANCDE/ETNE), a Associació de Ramaders de Porc Negre Mallorquí Selecte, Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

Durante a presentación interviñeron Moisés Noval Álvarez, Alba Chasco González, Andoni Arizkuren Eseberri, Miguel J. Company Bauza, Agustín Fernández López e Raquel Méndez Ramos, en representación das seis razas e asociacións que conforman a federación.

“FERAMPOR nace dunha convicción compartida: ningunha raza minoritaria pode afrontar soa os retos que ten por diante. A conservación, a mellora xenética, a sanidade, a promoción e a comercialización necesitan cooperación, coordinación e unha voz común”, sinalaron os voceiros da federación.

A nova federación constituíuse como unha ferramenta de traballo común para reforzar o papel dos gandeiros e das asociacións que manteñen vivo un patrimonio xenético, cultural, territorial e agroalimentario único. A súa misión será traballar en conservación, investigación, mellora, sanidade animal, formación, promoción, comercialización e colaboración institucional.

RETOS COMPARTIDOS: CONSERVACIÓN, SANIDADE, MELLORA E PROMOCIÓN

“Estas razas non son só animais: son territorio, cultura, biodiversidade, paisaxe, gastronomía e economía rural. Defendelas é defender unha forma de producir vinculada ao medio, ao coñecemento gandeiro e ao futuro de moitos pobos”, engadiron os voceiros da federación.

FERAMPOR aspira a ser un espazo de equilibrio entre razas con distintos niveis de desenvolvemento, facilitando o intercambio de coñecementos técnicos, boas prácticas e estratexias de promoción. A federación nace con vocación de permanencia e coa vontade de converterse en interlocutora ante administracións, sector agroalimentario, comunidade científica e consumidores. Neste sentido, destacaron que esta unión “nos permite deixar de traballar de maneira illada. A partir de agora poderemos compartir experiencias, xerar proxectos comúns, defender intereses compartidos e trasladar ás administracións e á sociedade unha visión conxunta do valor das nosas razas”.

Coa súa presentación en Silleda, FERAMPOR deu un paso decisivo para consolidar unha estratexia común en favor das razas porcinas minoritarias españolas, reforzando a súa visibilidade, a súa protección e o seu papel nun modelo gandeiro máis sustentable, innovador e vinculado ao territorio.

TRAZABILIDADE, INNOVACIÓN E COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

A presentación de FERAMPOR enmárcase no proxecto supraautonómico BIO4TRACE, unha iniciativa orientada a dotar as razas porcinas autóctonas en perigo de extinción de ferramentas avanzadas de trazabilidade, desde a xenética do animal ata a mesa do consumidor. O proxecto incorpora xenotipado de alta densidade, fenotipado, blockchain e intelixencia artificial para reforzar a conservación destas razas e mellorar a competitividade dos seus gandeiros.

Neste contexto, FERAMPOR supón a materialización dun dos obxectivos estratéxicos de BIO4TRACE: pasar da colaboración técnica a unha estrutura estable de cooperación entre asociacións. O proxecto naceu con tres razas (Porco Celta, Chato Murciano e Negro Canario) e co compromiso de abrir o camiño ás demais. Coa creación da federación, por primeira vez as seis razas porcinas minoritarias recoñecidas en España sentan nunha mesma mesa.

“Queremos que a sociedade entenda que conservar estas razas non é mirar ao pasado, senón construír futuro. Falamos de gandería sustentable, dixitalizada, rendible, respectuosa coa biodiversidade e capaz de xerar oportunidades no medio rural”, subliñaron.