Síguenos en:
imaxe/2025/06/03/_DSC0133.jpg

O Porco Celta levará á Semana Verde de Galicia unha proposta de actividades para toda a familia

   03 de xuño de 2025
  • O Concurso Interracial de Manexo Porcino entre Porco Celta e Gochu Asturcelta será unha das grandes novidades desta edición, na que participarán rapaces de entre 8 e 14 anos.
  • Arredor de 60 exemplares de Porco Celta estarán presentes no pavillón de animais, mentres que no Salón de Alimentación do Atlántico contarán con stand os operadores Celtagal, Cienporcel, CMF Celtaporc e Tres Fuciños.

Un ano máis, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) levará á Semana Verde de Galicia unha ampla programación para dar a coñecer esta raza autóctona na feira agrogandeira máis importante da comunidade.

O evento celebrarase en Silleda do xoves 5 ao domingo 8 de xuño e Asoporcel contará con arredor de 60 animais de 25 ganderías no pavillón de gando, onde haberá ademais exemplares do Inorde. Este ano tamén estarán presentes porcos da raza Gochu Asturcelta levados en colaboración coa Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta e, como novidade, estase a organizar un concurso de manexo entre estas dúas razas porcinas autóctonas españolas.

Por outra banda, haberá operadores da raza con stand propio no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat) e os derivados deste porco autóctono volverán formar parte das degustacións do TapiRazas.

XOVES, CONCURSO MORFOLÓXICO E DOMINGO, DESAFÍO INTERRAZAS DE MANEXO

O VII Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta terá lugar o xoves pola mañá. Os animais participantes serán valorados nas categorías de ‘Macho reprodutor’, ‘Femia reprodutora’ e ‘Recría’. Como é habitual, os exemplares proceden de explotacións de toda Galicia. Nese mesmo pavillón, poderase visitar durante o transcurso da feira o stand divulgativo conxunto de todas razas autóctonas galegas, no que se proxectarán pezas audiovisuais e haberá a disposición material informativo sobre as mesmas.

Ademais, o domingo 8 ás 18:00 horas celebrarase no ring central o Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs. Gochu Asturcelta. Competirá o mellor manexador de cada raza, mozos de entre 8 e 14 anos que representan a nova xeración que impulsa o futuro do sector.

OS PRODUTOS DO PORCO CELTA, PRESENTES EN SALIMAT E NO TAPIRAZAS

No Salimat terán stands con produtos os operadores Celtagal, Cienporcel, CMF Celtaporc e Tres Fuciños e, no posto propio de Asoporcel, o público poderá informarse sobre o labor que a asociación desenvolve para a recuperación, conservación e promoción da raza.

O sabor do Porco Celta volverá estar presente nos menús do TapiRazas. O xoves ofrecerase minihamburguesa de Porco Celta e de poldro de Pura Raza Galega 100 % R.A. con cebola caramelizada e queixo do Cebreiro; o venres, ovos rotos de Galiña de Mos con xamón de Porco Celta, e o sábado, croqueta de ovos fritidos de Galiña de Mos con chourizo de Porco Celta.

A asociación completará este programa para todos os gustos coa colocación en distintos puntos do recinto feiral de carteis con códigos QR que permitirán aos asistentes acceder a unha breve enquisa sobre hábitos de consumo de produtos autóctonos. As persoas que a cubran participarán no sorteo de catro saborosos lotes de produtos do Porco Celta.

Tags :