Síguenos en:
imaxe/2024/05/22/_DSC0289.JPG

O Porco Celta, presente na Semana Verde de Galicia 2024 cunha oferta moi completa

   27 de maio de 2024
  • Máis de medio cento de exemplares da raza estarán expostos no pavillón de gando, onde se celebrarán tanto o certame morfolóxico como de manexo de Porco Celta.  
  • Nove operadores presentarán os seus produtos derivados do Porco Celta no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat).

Un ano máis, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) preparou unha ampla oferta ao redor do Porco Celta para promocionar esta raza porcina autóctona na Semana Verde de Galicia, que se celebrará dende o xoves 30 de maio ata o domingo 2 de xuño en Silleda. Haberá máis de medio cento de animais no pavillón de gando, nove operadores presentarán os seus produtos en Salimat, derivados da raza poderanse degustar no TapiRazas e, como xa é tradición, celebraranse durante a feira certames morfolóxicos e de manexo de Porco Celta.

XOVES, CERTAME MORFOLÓXICO E DOMINGO, CONCURSO NACIONAL DE MANEXO

O VI Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta desenvolverase o xoves ao longo da mañá. Xulgaranse as categorías de ‘Macho reprodutor’, ‘Femia reprodutora’ e ‘Recría’. Asoporcel mantén este ano o volume de animais presentes no evento: participarán 56 exemplares chegados de 30 ganderías de toda a comunidade (6 da Coruña, 16 de Lugo, 3 de Ourense e 5 de Pontevedra). Tamén participará na exposición, aínda que fora de concurso, o rabaño de Porco Celta de Armariz, dependente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

O domingo ás 18:00 horas terá lugar no pavillón de gando un dos eventos que máis curiosos adoita atraer: no V Concurso Nacional de Manexo do Porco Celta serán seis os manexadores que deberán guiar coa maior axilidade posible os seus exemplares de Porco Celta polo circuíto establecido. 

 

NOVE OPERADORES PRESENTES EN SALIMAT

A Casa Da Rúa (Oza-Cesuras, A Coruña), Celtagal (Mondoñedo, Lugo), Cienporcel (Cenlle, Ourense), CMF Celtaporc (Vila de Cruces, Pontevedra), D.O.D. Celtas Da Ulloa (Monterroso, Lugo), Embutidos Hermelino (O Valadouro, Lugo), Granxa O Cibrao (Castro De Rei, Lugo), Carnicería Eurolemos (Monforte de Lemos, Lugo) e a Cooperativa Tres Fuciños (Carballedo, Lugo) son as marcas dos operadores que venderán os seus produtos derivados da raza Porco Celta no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat) nesta edición. Varios deles participarán no espazo Alinova presentando algún produto novidoso derivado do Porco Celta. Así mesmo, e como vén sendo habitual, Asoporcel contará cun posto no que se poderá solicitar información sobre o traballo da asociación.

Ademais, a raza volverá formar parte dos menús degustación do TapiRazas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz. O xoves poderase saborear minihamburguesa de poldro de Pura Raza Galega e de raza Porco Celta con cebola acaramelada e queixo do Cebreiro e tamén ovos rotos de raza Galiña de Mos con roxóns de raza Porco Celta; o venres, raxo de raza Porco Celta con chips; e o domingo, empanada de zorza de raza Porco Celta e pementos asados e afumados.

 

NOVA EDICIÓN DO CERTAME FOTOGRÁFICO NO QUE SORTEAMOS 3 LOTES DE PRODUTOS

Por terceiro ano consecutivo, Asoporcel volve convocar un pequeno certame fotográfico no marco da celebración da Semana Verde de Galicia. Os asistentes á feira poderanse facer cun dos 3 lotes de produtos que se sortearán entre todos aqueles que faga unha foto con algún elemento no que estea presente o Porco Celta na Semana Verde (cos animais, no Salimat, nos stands dos operadores…) e llela fagan chegar (etiquetándoos en redes ou enviándollelas por mensaxe privada ou por whatsapp ao 982 226 252) antes do domingo 2 de xuño ás 18:00 horas.

Tags :