Síguenos en:
imaxe/2024/12/12/asoporcel_nadal24_1.png

O Porco Celta quere ser o protagonista nas comidas deste Nadal no seu novo spot promocional

   13 de decembro de 2024
  • Baixo o lema “Porco Celta: unha raza, infinitas elaboracións”, o novo spot posto en marcha pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta presenta unha selección de propostas culinarias innovadoras que destacan a versatilidade do Porco Celta.
  • VER VÍDEO

Con motivo do inicio do mes de Nadal, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) acaba de presentar unha nova campaña de promoción que busca impulsar o consumo dos produtos derivados desta raza autóctona galega. A iniciativa, que terá presenza tanto na Televisión de Galicia (TVG) como nas redes sociais, ten como obxectivo destacar a versatilidade e a calidade dos produtos elaborados a partir do Porco Celta, cun enfoque innovador e contemporáneo.

UNHA APOSTA DECIDIDA POLAS REDES SOCIAIS

Os voceiros de Asoporcel destacan o impacto que as redes sociais están a ter na promoción da raza nos últimos anos. “Hoxe en día, as nosas redes son unha ferramenta clave para conectar cos consumidores, dar visibilidade ao traballo dos nosos gandeiros e promocionar os proxectos de i+D nos que estamos a traballar”, sinalan. Así, nos seus perfís en Facebook, Instagram e X, Asoporcel publica diariamente, entre outros aspectos, contidos relacionados coa súa presenza en feiras, novas iniciativa s e cobertura nos medios.

“O tirón das redes sociais é evidente. Non só nos permite chegar a un público máis amplo, senón tamén manter un contacto directo cos consumidores, que valoran cada vez máis a orixe e a calidade dos produtos que consomen”, explica un dos responsables da asociación.

DO CAMPO AO PRATO: O NOVO ENFOQUE DA CAMPAÑA

Tras varios anos centrando os seus esforzos en dar a coñecer as características propias do Porco Celta como raza, Asoporcel dá un paso máis aló nesta campaña, poñendo o foco nos produtos derivados. “Alégranos poder dicir que hoxe en día a xente xa identifica as características definitorias do Porco Celta. Agora toca que o consumo dos seus derivados sexa cada vez máis habitual”, afirman.

Baixo o lema “Porco Celta: unha raza, infinitas elaboracións”, o spot que se estreou na TVG e nas redes sociais presenta unha selección de propostas culinarias innovadoras que destacan a versatilidade do Porco Celta. Entre os pratos presentados inclúense un tataki de solombo de Porco Celta, un pan bao de entreteto de Porco Celta a baixa temperatura, gyozas de pezuño de Porco Celta con verduriñas e saam de papada de Porco Celta con lagostinos kataifi.

“Queremos demostrar que o Porco Celta é un produto de alta calidade que se adapta a propostas gastronómicas modernas sen perder a súa esencia”, subliñan desde a asociación. Con todo, recordan que os produtos curados tradicionais, como os chourizos ou o xamón, seguen a ocupar un lugar destacado na campaña, pois son “auténticas xoias da gastronomía galega”.

NOVOS PROXECTOS E ACCIÓNS A CURTO PRAZO

Paralelamente, Asoporcel xa está a traballar noutras iniciativas promocionais para consolidar a presenza dos produtos do Porco Celta nos fogares galegos. “Estamos convencidos de que estas propostas serán unha excelente oportunidade para seguir achegando os nosos produtos aos consumidores, especialmente nunhas datas tan significativas como o Nadal”, indican.

Porén, o compromiso de Asoporcel coa promoción do Porco Celta vai máis aló da campaña de Nadal. Os voceiros da asociación destacan que o seu traballo diario busca garantir a continuidade da única raza porcina autóctona galega que, ademais do seu valor gastronómico, ten unha importancia clave na preservación do medio rural galego.

“Queremos que o Porco Celta sexa sinónimo de calidade, sustentabilidade e innovación, non só en Galicia, senón tamén fóra das nosas fronteiras. Cada paso que damos está orientado a ese obxectivo, e esta campaña é unha mostra máis dese compromiso”, conclúen.


Esta nova acción de promoción da raza desenvólvese ao abeiro do convenio Xunta-Asoporcel para o período 2023-2025 cuxo obxectivo é establecer as condicións para continuar coa execución de actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina Porco Celta, e dos seus produtos derivados, fomentando o uso comercial destes como elemento clave para a súa conservación por parte da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Tags :