O Porco Celta reforza a súa presenza na Semana Verde de Galicia con animais, produto e actividades divulgativas
03 de xuño de 2026
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta participará de novo na feira cunha ampla representación no pavillón de animais e no Salón de Alimentación do Atlántico.
O VIII Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta reunirá 54 exemplares procedentes de ganderías galegas.
Seis operadores da raza estarán presentes en Salimat: Celtagal, CMF Celtaporc, Cienporcel, Tres Fuciños, Cárnicas Teijeiro e Productos Cárnicos Domínguez.
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) volve levar o Porco Celta á Semana Verde de Galicia cunha proposta que combina exposición de animais, promoción dos produtos da raza e actividades divulgativas dirixidas ao público xeral. Como vén sendo habitual, a feira celebrarase no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, do xoves 4 ao domingo 7 de xuño. Como en edicións anteriores, Asoporcel contará con presenza no pavillón de animais, onde se poderá visitar unha exposición de exemplares de Porco Celta e o stand informativo compartido co resto de razas autóctonas galegas. Neste espazo tamén haberá materiais divulgativos e actividades orientadas a achegar a raza ao público familiar.
O VIII CONCURSO MORFOLÓXICO REUNIRÁ 54 EXEMPLARES Un dos eixos principais da participación de Asoporcel será a celebración da VIII edición do Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta, no que participarán 54 animais de ganderías procedentes das catro provincias, nas categorías de reprodutoras, sementais e recría. O concurso terá lugar durante a mañá do xoves. O xurado valorará os animais participantes segundo os criterios recollidos no regulamento da raza.
NOVIDADE: ACTIVIDADE INTERACTIVA COS COLEXIOS VISITANTES A programación divulgativa completarase coa actividade dirixida a escolares arredor de Touci, a mascota de Porco Celta, coa que Asoporcel busca achegar ás novas xeracións a importancia das razas autóctonas, a súa conservación e o papel que desempeñan no medio rural galego. A proposta consistirá nunha experiencia tipo videoxogo por niveis na que o alumnado visitante, organizado en grupos, irá descubrindo as fases principais do Porco Celta da man de Touci. Con el como guía, coñecerán dun xeito ameno como é o coidado na granxa, o benestar animal, os controis e a trazabilidade, as elaboracións e o consumo. Ao rematar cada nivel, realizarase un pequeno concurso de preguntas para comprobar o aprendido. A actividade está pensada para ser dinámica, participativa e adaptada ao público escolar, co obxectivo de achegar ás novas xeracións a importancia de coidar e conservar as razas autóctonas galegas, entre elas o Porco Celta, e de amosar como se traballa na actualidade para garantir calidade, control e confianza no produto. A actividade desenvolverase o xoves 4 e o venres 5 de xuño pola mañá no stand das Razas Autóctonas de Galicia, situado no pavillón de animais.
SEIS OPERADORES DA RAZA ESTARÁN PRESENTES EN SALIMAT No Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), Asoporcel contará co seu stand informativo habitual, fronte ao TapiRazas. Nel, o público poderá coñecer o labor que desenvolve a asociación na recuperación, conservación e promoción do Porco Celta. Xunto a Asoporcel, estarán presentes seis operadores da raza: Celtagal, de Mondoñedo; CMF Celtaporc, de Vila de Cruces; Cienporcel, de Cenlle; Tres Fuciños, de Carballedo; Cárnicas Teijeiro, de Sarria; e Productos Cárnicos Domínguez, de Vimianzo. A súa participación permitirá amosar ao público a calidade e diversidade dos derivados desta raza autóctona. Así mesmo, os produtos de Porco Celta volverán formar parte da oferta gastronómica do TapiRazas, o espazo dedicado á degustación de elaboracións con razas autóctonas galegas. O xoves, o público poderá degustar minihamburguesa de Porco Celta e de poldro de Pura Raza Galega 100 % R.A. con queixo Arzúa-Ulloa, así como arroz ‘Mar e Montaña’ con panceta de Porco Celta. O sábado, a presenza da raza continuará coas croquetas de xamón de Porco Celta, unha proposta pensada para amosar a versatilidade e calidade dos derivados deste porco autóctono galego.
PRESENTACIÓN DE FERAMPOR O SÁBADO 6 NO PAVILLÓN 1 A programación de Asoporcel na Semana Verde completarase o sábado 6 de xuño coa presentación da Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (FERAMPOR), que terá lugar ás 19:00 horas no pavillón 1, na sala Mirador 1. No acto participarán representantes das asociacións das razas Gochu Asturcelta, Euskal Txerria, Porc Negre Mallorquí, Chato Murciano, Cochino Negro Canario e Porco Celta, todas elas razas autóctonas en risco de erosión xenética. FERAMPOR nace como unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal para preservar, impulsar e dar visibilidade ao patrimonio xenético, cultural e produtivo que representan estas razas porcinas minoritarias. A federación traballará na súa conservación, na coordinación entre asociacións, na colaboración coas institucións e na promoción das razas e dos seus produtos, co obxectivo de contribuír á consolidación de granxas e censos.