Durante o Primeiro Encontro Nacional do Programa Cultiva, celebrado onte en Madrid, recoñeceuse a gandería Casa Cabo (Asturias) como unha das mellores anfitrioas da edición 2023 do programa. Trátase dunha das granxas acolledoras nas que a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) exerceu como entidade xestora desta estadía formativa. Este recoñecemento pon en valor o traballo de Asoporcel como referente na promoción de prácticas sostibles e na formación das novas xeracións de gandeiros.
O programa Cultiva, desenvolvido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ten como obxectivo ofrecer a mozos agricultores e gandeiros formación práctica en explotacións modelo, fomentando a transmisión de coñecementos técnicos e de xestión agraria. Neste contexto, Casa Cabo, situada en Vegadeo e dirixida por José Domingo López, destacou polo seu enfoque na xestión sostible e en extensivo de razas autóctonas e pola súa base territorial en ecolóxico. Esta explotación está a traballar co sistema desenvolvido e patentado por Asoporcel para o aproveitamento do silvopastoreo con porcino extensivo, proxecto desenvolvido no marco do grupo operativo Forescelta.
Durante a súa estadía, do 29 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2024, a moza gandeira Verónica Molleda tivo a oportunidade de aprender sobre as claves desta forma de produción innovadora, que combina a preservación do medio ambiente coa obtención de produtos de alta calidade. A visita, guiada por técnicos de Asoporcel, tamén incluíu unha xornada técnica na aldea modelo de Moreda (O Courel), onde se abordaron temas como a recuperación e o manexo en extensivo do Porco Celta e as figuras de recuperación de terras agrarias de Galicia.
Este recoñecemento dentro do Programa Cultiva reafirma a relevancia do traballo de Asoporcel como dinamizador da gandería extensiva responsable e como entidade que fomenta a capacitación de novos profesionais do sector. “É unha honra contribuír ao desenvolvemento e formación de mozos gandeiros, que son o futuro dun modelo sostible que preserva a nosa cultura e territorio”, destacaron desde a asociación.
O compromiso de Asoporcel non só se limita ao ámbito técnico, senón que tamén promove unha visión integral da gandería extensiva como ferramenta de loita contra o abandono rural e o cambio climático. A súa participación en proxectos como o programa Cultiva, así como outras iniciativas arredor do I+D en gandería nas que colabora a asociación, representan claros exemplos do impacto positivo que o traballo colaborativo entre asociacións, gandeiros e administración pode ter no futuro do medio rural español.