Síguenos en:
imaxe/2023/05/04/02-12-2021_Cesta_nadal_asoporcel2021-01-1320x1320.png

Queres unha cesta de Nadal 100% Porco Celta como esta?

   02 de decembro de 2021

Queres unha cesta de Nadal 100% Porco Celta coma esta?


Trala boa acollida que recibimos o ano pasado, este Nadal queremos volver levar o Porco Celta ao maior número de casas posible. Por iso, poñemos de novo en marcha o noso concurso de postais, no que son os nenos, a través dos seus debuxos, os que se poden facer cunha das nosas tres cestas, as cales están equipadas con lotes de produtos e materiais didácticos sobre o Porco Celta.

COMO PARTICIPAR

Descárgate unha (ou varias!) das nosas plantillas do Cesarín de Nadal e dálla aos teus cativos para que a pinten (a man ou en dixital) como máis lles guste.

Envíanos a creación final antes do venres 17 de decembro ás 14:30 horas como mellor prefiras (mediante mensaxe directo ou deixando un comentario no noso Facebook, vía correo electrónico, etiquetándonos nunha publicación…), identificando o nome e a idade do autor ou autora e o nome e o teléfono do adulto responsable para poder contactar no caso de que o debuxo resultase gañador.

Unha vez recibido o debuxo, subirémolo a este álbum de fotos que creamos na nosa páxina de Facebook, dende onde todo o mundo poderá votar polos seus favoritos ata o luns 20 de decembro ás 19:00 horas. Os tres debuxos que máis interaccións sumen (‘Gústame’, ‘Encántame’, ‘Divírteme’…) serán os gañadores das cestas.

O martes 21 anunciaremos o nome dos tres gañadores e poñerémonos en contacto con eles para poder facerlles chegar as cestas o antes posible.


DESCARGA AS LÁMINAS PARA PARTICIPAR!


PRAZOS

  • A recepción de debuxos está aberta dende xa mesmo e ata o venres 17 de decembro ás 14:30 horas. Non se aceptarán debuxos que cheguen fóra da data e a hora establecidas.
  • O prazo de votación vai dende hoxe mesmo e ata o luns 20 de decembro ás 19:00 horas.
  • O gañador darase a coñecer ao longo da mañá do martes 21 de decembro.

 

ESPECIFICACIÓNS

  • Cada neno (ata 11 anos) pode elaborar un máximo de tres debuxos distintos para participar.
  • Só contarán os votos que obteña a foto dentro do álbum, é dicir, que poderedes compartir a fotografía que subiremos ao noso Facebook para obter máis ‘Gústame’ entre os vosos amigos. Pola contra, non contabilizarán os votos que consiga a fotografía se é subida de xeito paralelo.
  • Non se aceptarán debuxos que xa foran presentados para concursar na edición do ano pasado.
  • Os gañadores terán un prazo de sete días para aceptar o premio. De non producirse resposta, a cesta será asignada ao seguinte debuxo con máis votos.
  • A organización do concurso resérvase o dereito a cambiar a dinámica do concurso en calquera momento no caso de que o considere oportuno.
  • Cada neno pode gañar un só premio. No caso de que un participante teña máis dun dos seus debuxos entre os tres máis votados, o segundo premio será adxudicado de xeito automático á seguinte fotografía de distinto autor máis votada.
Tags :