Logo dos bos resultados obtidos o ano pasado coa presentación da campaña “Pásate ao Porco Celta”, Asoporcel comeza agora coa segunda fase das súas accións de difusión da raza nos medios baixo o lema “Porco Celta, somos de raza”.
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de poñer en marcha a primeira parte da súa campaña de promoción e posicionamento “Somos de Raza”, a cal deu comezo esta semana na Televisión de Galicia e estará tamén presente en emisoras da comunidade e nas redes sociais durante os vindeiros meses.
Trátase da segunda iniciativa deste tipo que a asociación presenta. Mentres que a primeira delas, que se anunciou hai agora un ano, estaba centrada nas bondades deste porco e dos seus derivados, nesta nova acción poñerán tamén o foco nos criadores e na súa labor imprescindible para a conservación da fauna e a flora autóctonas. “Queremos que esta campaña sexa unha homenaxe o labor esencial que fan os nosos gandeiros, xa que non só están axudando a recuperar unha raza autóctona galega, senón que tamén, grazas ao sistema de cría en extensivo deste animal, están contribuíndo a preservar o noso medio”, sinalan dende a asociación. Conservar o patrimonio xenético da raza, contribuír á loita contra os incendios forestais, coidar da paisaxe galega e fixar poboación no rural son algunhas das vantaxes que se agochan detrás da cría do Porco Celta.
Con motivo do Nadal, emitirase unha versión especial do anuncio en Noiteboa e en Fin de Ano e, ademais Asoporcel xa está a desenvolver unha serie de iniciativas complementarias en redes sociais (entre as que destaca a segunda edición do seu Concurso de Postais de Nadal), as cales seguirán o ano que vén con novas actividades presenciais e dixitais de promoción da raza e dos seus derivados.
O PRIMEIRO VÍDEO, XA DISPOÑIBLE
O primeiro vídeo da campaña xa se pode ver nas redes sociais de Asoporcel (Facebook, Instagram e Twitter) a través desta ligazón: Porco Celta, somos de raza.
UN ANO MOI FRUTÍFERO
Asoporcel pecha 2021 cunha valoración moi positiva do traballo realizado. Ademais da súa aposta por reforzar a presenza en medios para promocionar a raza –xunto coa publicidade orgánica en soportes impresos e audiovisuais, da man dos seus criadores a raza estivo presente en máis de medio cento de notas e reportaxes no último ano–, a asociación segue vendo como van en aumento tanto as incorporacións de xente nova ao sector, como tamén o volume de carne certificada e o número de locais nos que é posible adquirir produtos derivados. O Porco Celta está presente en sitios cada vez máis variados: dende prazas de abastos ata grandes superficies, pasando por locais gourmet, tendas de barrio e páxinas de comercio online.