Síguenos en:
imaxe/2025/12/18/WhatsApp_Image_2025-11-27_at_16.41.201.jpeg

'Tan Noso', a nova campaña de promoción do Porco Celta que pon en valor a identidade galega

   18 de decembro de 2025
  • O spot conta coa música de Abraham Cupeiro e coa locución do actor Luís Iglesia, e supón o inicio do novo ciclo de accións promocionais ao redor da raza e dos seus derivados, que se presentan coincidindo co inicio da campaña de Nadal.
  • “Tan Noso” é un anuncio que rende homenaxe á identidade galega a través dun percorrido visual polas tradicións e símbolos que nos definen.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de estrear a súa nova campaña de promoción baixo o lema “Tan Noso”, unha iniciativa que reivindica a profunda ligazón entre Galicia, a súa cultura e o Porco Celta, a única raza porcina autóctona da comunidade. A peza audiovisual que da inicio a esta nova campaña estreouse, como xa é tradición, coincidindo co comezo da tempada de Nadal e difundiuse de xeito simultáneo na Televisión de Galicia e nas redes sociais da Asociación (Facebook e Instagram).

O spot propón un percorrido visual e emocional polos símbolos que constrúen a identidade galega: os montes e a paisaxe, o Camiño de Santiago, a Costa da Morte, o Entroido ourensán, a gastronomía tradicional, os traxes galegos, a música do país... Todos estes elementos conflúen nun mesmo sentimento de pertenza que desemboca en algo tamén profundamente galego: o Porco Celta e os seus derivados.

“Queríamos facer unha peza que falase de nós, do que nos une e do que compartimos. Galicia ten unha identidade única e o Porco Celta forma parte dela. É unha raza que sobreviviu grazas ao esforzo colectivo e hoxe é símbolo de orgullo e de futuro”, explican desde Asoporcel.

A asociación destaca que o spot é tamén unha homenaxe ao traballo realizado durante case tres décadas para recuperar, conservar e promover a raza. Un labor colectivo que cobra nova dimensión grazas á implicación de numerosas persoas e entidades que participaron no proceso creativo da campaña. Entre elas destaca o músico e musicólogo galego Abraham Cupeiro, que pon banda sonora ao anuncio co tema Lamento (interpretado xunto coa Royal Philharmonic Orchestra no seu álbum Pangea). A súa elección non é casual: Cupeiro é recoñecido pola recuperación e reconstrución de instrumentos da antigüidade, como a carnyx celta, un guiño perfecto ao Porco Celta e á filosofía de posta en valor do patrimonio que inspira a Asoporcel. A peza complétase coa locución do actor Luís Iglesia.

“Somos unha asociación pequechiña, pero este anuncio demostra que, cando te rodeas de xente con talento, pódense facer cousas verdadeiramente significativas”, engaden desde Asoporcel.

UN NOVO CICLO DE PROMOCIÓN BAIXO O PARAUGAS “TAN NOSO”

A asociación subliña que o traballo en redes sociais seguirá sendo clave nesta etapa. Ao longo do ano, Asoporcel emprega estas canles para divulgar as súas accións de promoción, acompañamento aos produtores, iniciativas de conservación e actividades divulgativas ao redor da raza.

Nesta liña, e como parte da campaña de Nadal, puxeron en marcha o “Advento con Porco Celta x Galicia Calidade”, unha colaboración na que se realizarán ata fin de ano varios sorteos de cestas de produtos do Porco Celta entre os seguidores das dúas entidades. A iniciativa busca fomentar o coñecemento e o consumo destes produtos durante as datas festivas.

NOVAS ACCIÓNS E COLABORACIÓNS EN 2026

Asoporcel tamén avanza que está a traballar en novas propostas de cara a 2026, con accións en colaboración coa administración e con entidades amigas. “Temos varias iniciativas moi novidosas e ilusionantes, que creemos que chamarán a atención dos consumidores e nos permitirán abrir un novo espazo para a promoción do Porco Celta”, sinalan.

Con esta campaña, Asoporcel reafirma o seu compromiso coa defensa da raza Porco Celta e coa posta en valor dun produto que é, máis ca nunca, tan noso.

 

Tags :