Síguenos en:
imaxe/2023/11/10/cartel_xornada_tecnica_asoporcel.jpg

A V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta contará con voceiros das principais asociacións de razas porcinas autóctonas do país

   17 de novembro de 2023
  • Para asistir ás exposicións, que terán lugar o último sábado de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, é necesario inscribirse de xeito gratuíto. O prazo para facelo remata o mércores 22.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrará o sábado 25 de novembro, en horario de mañá, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a súa sesión formativa anual sobre o Porco Celta, a cal volverá estar presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz.  

Na segunda parte da mañá terá lugar unha mesa redonda centrada no presente e futuro das razas porcinas españolas. Moderada pola xornalista de La Voz de Galicia María Cedrón, nela  intervirán voceiros da Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (AGCA), da Associació de Ramaders de Porc Negre Mallorquí, dos Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur), da Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario e de Asoporcel.

Entre os aspectos a tratar, estarán a situación actual da recuperación de cada raza, as súas características morfolóxicas e de manexo, os produtos derivados que se están obtendo, os distintos sistemas de comercialización adoptados e as actividades que están levando a cabo dende as asociacións para a conservación, fomento e mellora destas razas autóctonas.

A xornada, que congrega cada ano a un cento de persoas, contará, así mesmo, coas exposicións de Pep Font (socio fundador de SIP Consultor) e de Senén Barral (responsable de comedores na Área de Innovación de Inditex), os cales abordarán o cálculo do rendemento económico das granxas e a restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas, respectivamente.

INSCRICIÓNS ATA O 22 DE NOVEMBRO

A xornada é gratuíta e está aberta a todo o mundo, pero é necesario realizar inscrición previa para asistir. As persoas interesadas pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 22 de novembro ás 14:00 horas.